luns, 23 de maio de 2022

DINAMIZAESTRADA PARTICIPA ACTIVAMENTE NO PROXECTO DINAMIZATV

Os Equipos de dinamización da lingua galega, DINAMIZAESTRADA, de todos os centros educativos da Estrada participan activamente no proxecto que este curso botou a andar o Concello da Estrada.

DINAMIZATV xurdiu co obxectivo de promover o uso do galego entre entre a xente xove dos nosos centros, apostando decididamente polo eido audiovisual, coa creación dun NOTICIEIRO en cada un dos centros escolares no que tiveron cabida os vídeos creados polos propios alumnos e ao que se deu forma final cunha gravación no Teatro Principal estradense, e posterior edición e montaxe a cargo de Lucas Terceiro. Achegamos un par de imaxes destas gravacións:

 
CEIP Villar Paramá
 

 
IES Pl. Antón Losada Diéguez 

Os Equipos de dinamización estradenses sumáronse á iniciativa dende o primeiro momento e despois de meses de traballo están a ser presentados os resultados desta iniciativa.

Xa foron emitidos os espazos correspondentes ao IES García Barros e ao CEIP Plurilingüe de Oca. Nas seguintes datas iranse estreando as producións do resto dos centros: 25, 27 e 30 de maio e 1, 3, 6, 8 e 10 de xuño.

 
IES García Barros

Todos eles poden e poderán verse na seguinte ligazón: https://bit.ly/3Ltl6Bu

A actividade tivo unha excelente acollida na prensa escrita:

Faro de Vigo

 

 

La Voz de Galicia


sábado, 21 de maio de 2022

PRESÉNTASE A NOVENA EDICIÓN DA FESTA DAS PALABRAS

Despois de dous cursos cunha celebración restrinxida e unha entrega simbólica dos premios dos concursos literarios, volve a Festa das palabras na súa plenitude. No teatro principal da estrada o próximo mércores 25 de maio ás 20:30 horas.

 
A novena edición da festa foi presentada no Concello da Estrada nun acto no que participaron representantes dos centros educativos da Estrada, agrupados no colectivo DINAMIZAESTRADA.  En nome deles, Toño Barros, coordinador do EDLG do CEIP Cabada Vázquez achegou os detalles da festa e María Tato, do CEIP Pérez Viondi expresou os obxectivos da actividade, O acto tivo como anfitrión ao concelleiro de cultura, Juan Constenla, que gabou o traballo dinamizador dos centros educativos a través desta actividade.

Rosalía Morlán, escritora santiaguesa será a madriña desta novena edición da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo mércores.

O grupo de música pop contemporánea, Favorita, porá a nota musical ao evento que será presentado por Cristian Rivadabia Iglesias e Inés López Pose, alumnos/as do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez.

No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.

A presentación na prensa:

 
Faro de Vigo