sábado, 3 de xuño de 2023

PRESÉNTASE A X EDICIÓN DA FESTA DAS PALABRAS DINAMIZAESTRADA

 
A Festa das Palabras que pon o ramo ao concurso de micropoemas e microrrelatos chega á súa décima edición e celebrarase o próximo martes 6 de xuño no Teatro principal da Estrada
A festa foi presentada no Concello da Estrada nun acto no que participaron representantes dos centros educativos da Estrada, agrupados no colectivo DINAMIZAESTRADA.  En nome deles, Mónica Mato, coordinadora do EDLG do IES Nº 1  achegou os detalles da festa e Víctor López, do CPR Plurilingüe N. S. de Lourdes, expuxo os obxectivos da actividade. O acto tivo como anfitrión ao concelleiro de cultura, Juan Constenla, que gabou o traballo dinamizador dos centros educativos a través desta actividade que chega aos seus primeiros dez anos de vida.
Charo Golmar, escritora lalinense será a madriña desta décima edición da festa, e dirixirase aos rapaces e rapazas e público asistente o próximo martes.
O grupo de música Proxecto Valladares, porá a nota musical ao evento que será presentado por rapaces do IES Nº 1.
No acto entregaranse os premios aos 62 rapaces e rapazas gañadoras nas diferentes categorías, que consistirá nun caravel branco e nun exemplar do libro editado cos traballos vencedores. O deseño da portada e da cartelería da festa foi realizado pola deseñadora estradense Rosa de Cabanas.

A presentación na prensa:

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario